Esta semana lanzamos unha nova proposta de comunicación que esperamos sirva como punto de encontro da economía social galega.
#Èsocial quere dar a coñecer aqueles proxectos e ideas que teñen no centro ás persoas e que comparten valores de responsabilidade, democracia, igualdade, equidade e solidariedade.
Na economía social as persoas son o máis importante e con #ÉSocial queremos escoitar a súa voz, coñecelas mellor, crear un espazo no que conten o que fan e por que o fan. Se Abeluria quere ser unha cooperativa que sirva de nexo entre a economía social galega, #ÉSocial quere ser o elo que conecte á cidadanía con ela.
A cita con #ÉSocial será mensual e nela abordaremos diferentes aspectos da economía social: o asociacionismo, o cooperativismo, o feminismo, a comunicación, o artístico, a historia, o ecolóxico, os éxitos e fracasos e todo aquelo que nos sirva para coñecer mellor o que foi, é e será a economía social e poñerlle rostro a estas iniciativas socioeconómicas que priorizan a satisfacción das necesidades das persoas por riba do lucro.
A primeira entrevistada foi Emi Candal, da cooperativa Urdime. E aquí deixamos o resultado dese encontro para que poidades coñecer mellor a esta muller que é todo un referente do cooperativismo cultural galego.